Nota de de hoxe. Autovía non! Nin 5, nin 11
A Plataforma contra a autovía valora positivamente a petición de anulación do trazado da variante 5 da autovía, mais recorda a súa oposición tamén á variante 11.
Desde a Plataforma contra a autovía de Redondela valoramos positivamente que o PPdG reabra no Parlamento o debate sobre as infraestruturas no sur de Galicia e valoramos positivamente que se lembre dos milleiros de alegacións cidadás contra os distintos trazados da Autovía que o Ministerio de Fomento, a través da Demarcación de Carreteras de Galicia, desoiu até o momento.
Membros da Plataforma e representantes dos colectivos veciñais implicados nesta loita reuníronse co parlamentario popular Alejandro Gomez ao remate da sesión parlamentaria e achegáronlle máis documentación sobre a problemática e as súas reivindicacións ao respecto.
Mais desde a Plataforma lembramos a nosa oposición tamén ao trazado da alternativa 11 e pedimos que se siga a atender o clamor popular que, como nos lembra o resultado dunha enquisa recentemente realizada en Redondela, demanda máis e mellor transporte público, achegamento dos servizos públicos aos cidadáns e cidadás e melloras nas carreteras existentes, que son as que a cidadanía emprega masivamente.
Xa que logo, parécenos que o mínimo que se pode esixir é que se volva a estudar en profundidade a ordenación das infraestruturas viais da zona, como apunta o BNG a nivel parlamentario, que se teñan en conta as demandas da cidadanía e que se plantexen melloras nas infraestruturas co menor impacto económico e ecolóxico.
Non fagades plans:
…para o día 27 próximo, xa que a Plataforma está a organizar unha “Romaría Reivindicativa”, na que música, xogos, e comida se han xuntar arredor dos postos informativos de varios colectivos ambientalistas e sociais de diferentes ámbitos. Ó longo da próxima semana ampliaremos a información.


