Nota de prensa 06/03/08. Acto de “contra-campaña” de hoxe.
Como vos anunciamos o outro dia, esta mañá tivemos unha mesa posta xunto a Casa do Concello de Redondela, dende a que intentamos facerlle chegar ós nosos veciños a intención que a Plataforma, e os colectivos veciñais de este concello, temos de ser escoitados pola clase política, como suposta representante lexítima do pobo.
Os escritos eran, por un lado, unha carta na que se lle expuña a nosa problemática, a contestación social que ten a autovía, e a falta de representación política que atopamos nas forzas políticas redondelanas (o artigo que está máis abaixo). Por outro, unha copia do panfleto que repartimos na manifestación do 1 de febreiro, no que se explican as alternativas que demandamos no lugar da autovía, xa coñecidas, como son a potenciación do transporte público, a liberación das peaxes da AP-9, a mellora das infraestruturas existentes e o achegamento dos servicios e o comercio ás persoas.
Sigue faltando información.
Tristemente, no acto de hoxe, descubrimos que aínda hai veciños que non están informados da realidade do proxecto que o Ministerio de Fomento puxo a exposición pública o novembro pasado, que aínda se mestura coas variantes e que algunha fonte trata de convencer á xente de que ese estudio xa é definitivo e non cabe posibilidade ningunha de botalo para atrás. Dende a Plataforma, seguiremos a tratar de manter informados a todos os nosos veciños, e a seguir a loitar contra os conatos de manipulación que se puideran dar.
