Nota de prensa de hoxe, 25-03-08. Redondela comparte coche e outros.
Dende hai un par de semanas, a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Redondela, xunto coa Consellería de Medio Ambiente, teñen posto en marcha unha campaña de “coche compartido”, con unha web na que os interesados poden buscar persoas que traballen ou estuden en lugares e horarios semellantes ós seus, e poñerse de acordo entre si para se desprazar nun so coche, tentando fomentar así o aforro, a sostenibilidade, e a redución da saturación circulatoria.
Dende a Plataforma, queremos facer pública a nosa satisfacción con esa medida, que se vai achegando á postura que defendemos de buscarlle solución ós problemas de tráfico da contorna mediante iniciativas encamiñadas a reducilo, no lugar de emprender novos proxectos de grandes infraestruturas como a autovía Vilaboa – Peinador, que virá a destruír boa parte do noso concello e outros veciños. Con esta nota, queremos felicitar ós responsables de esta iniciativa e convidalos a seguiren traballando nesa mesma liña aínda que, sendo honestos, tememos que a medida sexa insuficiente e vaia a ter unha repercusión real tan escasa como tivo xa na Universidade de Vigo, onde un sistema semellante foi implantado hai dous anos.
Por iso mesmo, suxerimos que se afonde noutros medios de éxito máis contrastado, como é o ferrocarril de cercanías ou o acceso telemático a servicios administrativos, por citar algunha das propostas que sostemos dende a Plataforma. Por último, naturalmente, engadir que o rexeitamento da autovía Vilaboa – Peinador, ou calquera outro proxecto de infraestrutura semellante, sería un verdadeiro paso co que demostrar compromiso coa sotenibilidade, e a rendibilidade social do transporte, nun futuro no que esteamos menos condenados a depender dun coche para todo.
A incoherencia do alcalde Xaime Rei.
Noutro plano, comentar as declaracións feitas ós medios a semana pasada polo alcalde de Redondela, Xaime Rei, con motivo de unha campaña pola galeguización das festas, nas que se dicía, entre outras cousas que “Galicia precisa de moitas pedagoxías para impedirmos que os efectos da globalización dilúan a nosa personalidade cultural”. Para os membros da Plataforma, parécenos insultante o cinismo co que este señor pretende facerse pasar por valedor da cultura e a identidade galegas cando, en relación coa súa enconada defensa da “autovía por Redondela”, ten demostrado reiteradamente un desprezo explícito polo noso rural, pola nosa paisaxe, e polos usos tradicionais do noso territorio.
Rematamos recordándovos que mañán, mércores, terá lugar o pleno ordinario de cada mes no Concello de Redondela. Como xa ven sendo tradición, a Plataforma ten pensado acudir ó citado pleno para deixar constancia, unha vez máis, da postura de rexeitamento que os veciños mantemos contra esta autovía, e queixarnos da indefensión que nos provoca o feito de que os políticos locais non asuman como propio ese rexeitamento veciñal.
